Monday 29 de April de 2024

A Pobra foi escenario dun acto reivindicativo de apoio á hostalería e outros sectores económicos da vila


Na mañá deste 3 de xuño tivo lugar unha sesión extraordinaria e urxente do Pleno da corporación no salón de plenos da casa consistorial, na cal non puideron estar presentes dous concelleiros do PP. Primeiramente procedeuse coa aprobación da urxencia da sesión, a cal saíu adiante con 8 votos a favor (Nós Pobra, BNG e PSdeG-PSOE) e 3 en contra (PP). De seguido, abordouse a “proposta da alcaldía sobre medidas de restrición aplicadas ao noso concello e a necesidade de apoio aos sectores afectados polo cese de actividade.” A este respecto, o PP presentou unha emenda que foi denegada ao contar con 3 votos a favor (PP) e 8 en contra (Nós Pobra, BNG e PSdeG-PSOE). Finalmente, a proposta, tal e como estaba presentada, foi aprobada por unanimidade.

Así mesmo, ás 12.00 horas comezou un acto reivindicativo de apoio á hostalería e outros sectores económicos da vila. Deste xeito, procedeuse cunha concentración ao longo da AC-305, ao seu paso dende a rotonda da estación de autobuses ata o cruzamento coa rúa Venecia. Como acción simbólica de apoio á hostalería propúxose consumir “un café” e desprazarse dende o establecemento ata o tramo de rúa máis próximo, ocupando a calzada da referida estrada.

Tamén se comezou cunha recollida de sinaturas que se estenderá ao longo do día coa finalidade de darlle traslado ao Comité Clínico, xunto cun texto reivindicativo sobre a situación actual do sector da hostalaría e outros negocios afectados polo peche obrigatorio.